«Pra escribir, escóitome a min mesmo e a música das palabras, non as normas dos gramáticos». En «A música das palabras. De lingua e literatura, 1990-2021» Darío Xohán Cabana reflexiona, con rigor e excelencia, sobre literatura e lingua, compartindo o seu coñecemento e prestando especial atención á tradución e á poesía. Son pequenos ensaios, en forma de artigos e conferencias, escritos entre 1990 e 2021, nos que aborda a obra de moitos dos autores máis relevantes da literatura galega, unha boa parte dos cales mantiveron unha estreita relación persoal con Darío: Celso Emilio, Manuel María, Xosé María Álvarez Blázquez, María Mariño, Novoneyra, Cunqueiro, Lois Pereiro, Xosé Miranda, Díaz Castro, Xosé Luís Méndez Ferrín. . . , ademais de grandes nomes da literatura universal coma Dumas, os trobadores occitanos e, xaora, Dante e Petrarca. Darío Xohán Cabana deixa constancia neste volume dunha vida enteira dedicada a ennobrecer a cultura galega e facer da súa lingua e literatura un herdo imprescindible. Como activista, como poeta, como narrador, como tradutor, o labor de Cabana apunta sempre a resaltar a calidade e inmensidade da lingua levándoa a calquera outro tempo, cultura e literatura coas súas traducións, coa intención urxente de enriquecer o noso idioma máis alá do que inclúen os dicionarios, porque como afirma nestas páxinas, «cada vez que unha palabra morre, ou é asasinada [. . .], daquela morre unha pequena parte da lingua, e polo tanto morre tamén unha minúscula parte da patria».