Por encargo do arcebispo de Compostela dous homes novos e un mozo parten de Pisa cara a Iria para construír unha nave de guerra. O piloto e mestre Fuxón Bonincontro, o carpinteiro de ribeira Stefano Bagnoli e o aprendiz Francesco Nuti atravesan a península polo camiño como tantos outros peregrinos, inda que eles non o sexan. O que non saben é que esa viaxe os vai transformar radicalmente. Deixado o amparo da rutina, o Mundo, o Demo e a Carne asexan os viaxeiros cos seus galanos. A viaxe, nas súas novidades e encontros, suporá unha vía de autocoñecemento de consecuencias tráxicas. Fuxón vai ser o máis afectado. O lado escuro da propia sexualidade e o descubrimento de certas propiedades dalgunhas plantas provocarán nel unha fascinación irreparable. Co decorrer das xornadas mudarán as relacións entre Fuxón e Stefano, que deixarán de ser quen eran. A galera, sombra esvaecida na conciencia de Fuxón, tornará en grave obriga para Stefano. Co pano de fondo da loita polo poder relixioso e político, os tres viaxeiros apenas gustarán de canto lles ofrece o camiño: a presenza islámica, as novidades litúrxicas, as vilas rebuldeiras, as feiras. . . , para eles todo semella espectáculo antes que realidade. Tan só Francesco, coa súa inocencia, será quen de evitar os perigos nos que naufragan os seus compañeiros e conseguirá adaptarse no novo país. Escrita cun estilo coidado que fai desta novela unha magnífica peza literaria, Xabier Paz retorna para ofrecerlles aos seus lectores e lectoras a mellor narrativa.